5 abr 2010

Tarde con nenos

Luns pola tarde. Fai un sol espléndido e calorciño, non pintamos nada na casa. Os meus fillos están recollendo os playmobil e os legos para irnos ao parque, onde quedamos cos amigos. Non é un mal plan para hoxe, os nenos todos xogando no parque a facer as súas cabanas e enterrar os seus tesouros para logo deixar pistas para atopalos outro día, e as nais, e quizais algún que outro pai, estaremos mentras contándonos as nosas cousas, profundizando na amistade que pouco a pouco foi xurdindo tras días pasados no parque vendo xogar aos nosos fillos xuntos. Seguramente colleremos algunha cervexa na tendiña de enfrente, para tomala sentadas no banco ao sol da tarde mentras falamos das nosas cousas e botamos unha ollada de cando en vez aos pequenos, que poden pasar a tarde enteira sen lembrarse que existimos máis que cando lles empeza a entrar a fame, que entón deciden vir todos xuntos a merendar. Casi sempre acaban compartindo e cambiando as merendas porque, como é natural, sempre está máis apetecible a merenda do outro que a propia.
Encántame este ritmo infantil, esta vida de nenos, e encántame poder disfrutala, pasar o tempo con eles, ser partícipe das súas cousas, dos seus xogos, aínda que sexa dende fora, no meu papel de nai. Gústame velos xogar e disfrutar na súa independencia que van pouco a pouco logrando con respecto a nós, cómo no parque xa non buscan estar contigo todo o tempo, senon todo o contrario, facer as súas cabanas cos outros nenos onde non os podas ver, que sexan os seus sitios "secretos", como din eles... son tan inocentes e puros. Oxalá non perdan nunca esa inocencia e esa pureza e sexan capaces sempre de disfrutar de todo e de vivir todo tan plenamente como fan, que sigan sempre con esa mirada tan limpa e tan entregada á vida como teñen os nenos, esa mirada na que todo é posible, e todo é certo, e todo é real. Os xogos non son xogos, son realidades creadas polos nenos. Cando xogan a piratas son realmente piratas, e teñen de verdade un barco e enterran de verdade un tesouro.
Danme moita envexa. Non sei por qué conforme imos medrando imos perdendo esa capacidade de vivir a vida con tanta intensidade e entrega. Cando lles pasa algo malo choran, pero choran de verdade, con sentimento, cando rin fan o mesmo, rin con auténticas gargalladas... non fan nada a medias, se queren chorar choran e se queren rir rin... tan sinxelo como iso, tan simples e naturais como iso, por iso resultan tan tiernos e doces, porque non esconden nada.
Pouco a pouco imos perdendo esa capacidade de mostrarnos, imos perdendo a capacidade de chorar de verdade, descargando dor e tristeza, e de rirnos de verdade, plenamente, a gargalladas. Se nos paramos a pensar cando foi a última vez que rimos a gargalladas de verdade, igual nos damos conta de que fai demasiado tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario